Irmandiños: A Revolta | é un xogo de rol en vivo organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. O xogo está ambientado no século XV, durante a Segunda Revolta Irmandiña
SINOPSE: ano de 1469. Despois do triunfo da Segunda Revolta Irmandiña os señores feudais foron expulsados dos seus dominios e víronse obrigados a refuxiarse en Castela e Portugal. A Irmandade Xeral do Reino de Galiza goberna en todas as vilas e cidades galegas, impartindo xustiza en nome do rei Henrique IV. Por primeira vez, os homes e mulleres poden sentirse libres e donos das súas vidas. Mais as cousas están a punto de mudar... Rematada a guerra civil que enfronta a nobreza en Castela, o rei Henrique IV torna as costas ao destino dos galegos e traizoa a Santa Irmandade, autorizando o arcebispo Fonseca, un dos máis poderosos señores feudais, a regresar a Galiza e recuperar as súas terras. O arcebispo parte cara a Santiago de Compostela acompañado por Xoán Pimentel, irmán do conde de Benavente. Xunto a eles, un numeroso exército de soldados e mercenarios. O seu obxectivo: reconquistar a cidade de Santiago e acabar co goberno da Irmandade na Galiza, restaurando a orde social preestablecida. Tras varios días de viaxe, as tropas de Fonseca fan unha parada no castelo de Monterrei, propiedade dun dos poucos señores feudais que lograron conservar as súas fortalezas. A Irmandade Xeral, informada da presenza de Fonseca en Monterrei decide enviar a un exército de Irmandiños, coa misión de asediar o castelo e impedir o avance das tropas inimigas cara a Santiago. A batalla polo destino do Reino de Galiza está a punto de comezar...
fotografía | paulo carcabaça